Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Mondoñedo

Data de estrea: 12-05-2018

Unha produción Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a través do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Turismo Slow. Coa colaboración de Promove Consultoría.

Dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés

A iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Chévere deseñou e elaborou tres audioguías para as tres cidades que son portas da Mariña Lucense: Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo. As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada destino, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

No caso de Mondoñedo, o relato sonoro abórdase desde un formato que mestura o documental, o testemuñal e o novelado. Entre a ficción e a realidade, como lle gustaba a Álvaro Cunqueiro. Escóitanse as voces de varias veciñas e veciños reais de Mondoñedo que comparten os seus recordos sobre Cunqueiro. Alicia coñeceu desde nena a Álvaro, pois é sobriña do seu irmán Pepe e conviviu moito coa outra irmá, Carmiña. Remedios é a filla do Pallarego, amigo e compañeiro de aventuras de Cunqueiro. José María é xornalista e coñece mil historias e anecdotas sobre Mondoñedo. Ángel é un veciño da cidade namorado da obra de Cunqueiro. Fernando traballou toda a vida na imprenta Sucesores de Mancebo, onde Cunqueiro escribía os seus artigos. Son testemuñas directas dun tempo e dun lugar, que doutro xeito unha persoa que visitase a cidade non tería oportunidade de coñecer. Sobre esa base documental créase un personaxe ficticio que integra os relatos de cada voz e conduce as persoas visitantes por rúas, prazas e parques.

O punto de partida é a oficina de turismo e o paseo remata no Cemiterio Vello. Visítanse e fálase de lugares como a antiga Casa do Concello, a estatua sedente de Cunqueiro, a casa natal de Pascual Veiga, o Seminario de Santa Catarina, a Fonte Vella, a casa natal de Cunqueiro, a barbería do Pallarego, a farmacia do pai de Cunqueiro nos baixos do pazo episcopal, a Catedral, a casa natal de Lence Santar, a Escola de Obreiros Católicos, o Cine Pacheco, o Convento das Concepcionistas, a libraría Montero, o Café Madrid,  a Imprenta de Sucesores de Mancebo, a Casa do Concello ou a Igrexa Nova. Ademais de Cunqueiro, hai alusións a anecdotas e historias doutros personaxes locais como o mestre Pacheco, Pascual Veiga, Eustorgia Acebo, Francisco Fanego, Aquilino Iglesia Alvariño, Bernardino Vidarte, Manuel Ledo “O Pallarego”, Juan Puchades, Eduardo Lence Santar, Manolo Montero, Panchito, Lamparillas, Juan Mon, Manuel Leiras Pulpeiro...

Duración: 47 mintuos.