Projects
Sempre nos interesou a linguaxe sonora como soporte para a creación de ficcións, desenvolvendo prácticas de teatro radiofónico e audiolecturas. En 2016 iniciamos unha investigación arredor das narrativas espaciais, usando a comunicación sonora a través de dispositivos dixitais e auriculares para realizar visitas e paseos ficcionados por barrios, vilas, centros históricos, edificios singulares e espazos naturais, adaptadas a usos turísticos (audioguías ficcionadas).

Corcubión, mirando máis alá do horizonte, é un paseo sonoro autoguiado para descubrir as historias ocultas de Corcubión, imaxinándoa coma se fose unha Macondo da fin do mundo.

Burela, o mar dos pataqueiros. Esta audioguía recolle historias dunha vila mariñeira poboada por labregos e dun porto que medrou tanto pola industria do caolín como pola actividade pesqueira.

Morás, entre baleas, dolos e zeppelins. Un paseo autoguiado polo portiño de Morás, en Xove, unha paisaxe única que visitamos da man dun descoñecido pioneiro da navegación aérea, don Tomás Mariño.

Paseo sonoro autoguiado polo centro urbano de Foz, para achegarse á memoria mariñeira da vila, practicamente invisible pola transformación urbana, paisaxística e económica.

Paseo sonoro autoguiado polos restos aínda visibles do complexo industrial promovido a finais do s. XVIII en Sargadelos (Cervo) por Antonio Raimundo Ibáñez, pioneiro da siderurxia en Galicia.

Paseo sonoro autoguiado pola torre de Castro de Ouro, no concello de Alfoz, lugar vencellado a algúns episodios da vida do Mariscal Pardo de Cela e de Isabel de Castro.

Paseo sonoro autoguiado para descrubrir a vila do Conde Santo a través dos recordos de mocidade do intelectual galeguista Fernando Fernández del Riego.

Un proceso de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio de Vite guiado pollo grupo Chévere, e feito en coproducción co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego.

Paseo sonoro autoguiado para descubrir O Pindo, un lugar historicamente illado dunha sorprendente singularidade xeográfica, cunha rica historia ligada ao mar e ao monte sagrado do Pindo.

Paseo sonoro autoguiado e documental a través dun territorio de fortes contrastes conducido polas voces das mulleres que traballaron sen descanso para sobrevivir a unha época especialmente dura.

Paseo sonoro autoguiado que adopta o formato dun programa de radio que recrea a historia da vila como porto pesqueiro, destino de peregrinaxes e centro estratéxico de comunicacións marítimas.

Paseo sonoro autoguiado pola vila de Mondoñedo, utilizando como fío condutor os espazos urbanos vencellados coa vida e coa obra de Álvaro Cunqueiro a través da memoria dos seus veciños.

Paseo sonoro autoguiado pola vila de Ribadeo a través da arquitectura indiana de finais do século XIX e comezos do XX que aínda se conserva.

Un roteiro que se converte nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgúns personaxes históricos, uns anónimos e outros con relevancia na vida política, económica ou artística de Viveiro

Intervención sobre o espazo urbano. Un roteiro guiado pola xeografía teatral de Chévere en Compostela, feito para o Festival Escenas do Cambio no 30 aniversario da compañía.

Intervención escénica no espazo urbano. Un roteiro guiado para pasear e imaxinar o barrio da Magdalena de Ferrol, feito para a primeira edición do Festival Fóra do Mapa.

Unha sátira radiofónica sobre a primeira misión galega ao espazo exterior. Xente que escribe, actúa, dirixe, fai música e edita o son para crear un texto totalmente novo e plural.