Teatro

Citizen

Data de estrea: 06-10-2010

Unha produción Chévere co apoio de: AGADIC, Concello de Santiago de Compostela, INAEM. O noso agradecemento a Óscar, Paco Bixou, Lola, Dominga, Amalia, Estrella, ás mulleres cooperativistas de Harmonía e Millenium, ao Padre Jorge, a Belén, a Fátima.

Javier Vallejo
El País, 13 de febreiro de 2013
Shakespeare en la Costa da Morte: Citizen recrea la peripecia del fundador de Zara con el uso de una enorme variedad de recursos

Prado Campos
El confidencial, 25 de maio de 2015
Españoles, Franco ha muerto... Inditex ha nacido

Natalia González de Uriarte
3 de marzo de 2016
"Galicia fue el laboratorio de pruebas de la actual deslocalización de Zara"


Teatro por capítulos

Estamos en 1975. Franco morreu. Sara, unha estudante comprometida no movemento anti-franquista, foxe da policía e refuxiase nunha tenda que aínda non abriu. Alí atópase co seu dono, A.O., un empresario afastado da realidade e disposto a conquistar un imperio. Ela está exactamente onde lle corresponde estar. Él non ten posición. Ela é dun lugar do que vén fuxindo. El xa esqueceu de onde vén, pero sabe exactamente a onde quere chegar.

Citizen é teatro de texto. De actor e actriz. É teatro documental. Performance. Comedia. Audiovisual. Pero sobre todo, é teatro. Un xogo entre o que pasa de verdade no escenario e o que dubidamos se pasou ou non nas nosas vidas. É o que para nós significa facer teatro aquí e agora. Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia de Charles Foster Kane, un empresario norteamericano da comunicación que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A nosa obra conta a historia de A.O., un empresario galego do textil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX.

Imos contar unha historia da Transición a partir dunha estraña coincidencia histórica: a morte de Franco e a apertura das primeiras tendas de Zara en A Coruña ocorren no mesmo ano, separadas por unhas poucas semanas.

O proxecto completo de Citizen componse de tres espectáculos autónomos de pequeno e mediano formato, que se foron facendo e estreando na Sala Nasa de Santiago de Compostela ao longo da tempada 2010-2011, coma se se tratase dunha obra de teatro por episodios. Cada un deles foi a continuación e a consecuencia do anterior. E ao final, a suma dos tres supuxo un novo espectáculo de case catro horas de duración. A obra estivo xirando por España ata finais de 2013, superando as 120 representacións e os 10.000 espectadores. Ademáis, acadou un importante recoñecemento crítico e profesional: foi a obra máis votada entre 150 propostas para acceder á Red de Teatros Alternativos de España, presentouse en festivais internacionais como Temporada Alta (Cataluña) e Escena Contemporánea (Madrid), recibiu o Premio da Crítica 2011 e 5 premios María Casares en 2012, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (entre eles mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actriz protagonista).