Ficción sonora

Chevereografías. Compostela 8717

Data de estrea: 23-01-2017

Coa participación das voces de Manolo e Manolita (bar Gamela), Paco Bixou, Pilar Fernández (bar Atlántico), Pablo Tomé (arquitecto), Santiago Riande (EASD Mestre Mateo), Manuela Antelo (veciña) e Fausto isorna (deseñador gráfico). Coa colaboración do Espazo de Danza USC. Unha co-produción de Chévere e o Festival Escenas do Cambio.

O grupo Chévere inventouse entre bares, rúas e escolas de Compostela en 1987, xusto antes de iniciarse a transformación da cidade. Chévere aprendeu o oficio teatral explorando a cidade, paseándoa, perdéndose nela. Meteuse dentro e sentiuna latexar. Acabou por ocupar o lugar que lle correspondía nun barrio marxinal que estaba xa camiño de Fisterra, provocando que os traxectos de moitos veciños e veciñas tomasen un rumbo non previsto por urbanistas nin políticos. E a súa práctica teatral converteuse nunha ferramenta para documentar o proceso de transformación vivido.

Trinta anos despois Chévere e Compostela seguen aí, pero ningunha das dúas é a mesma. Perdéronse de vista cando Chévere tivo que exiliarse e xa lles custa recoñecerse. Pero Chévere é un grupo de teatro con memoria urbana. Por iso se propón cartografiar escenicamente trinta anos de andar de vagar pola sombra da cidade, para compartir un mapa emocional que nos permita recoñecer a xeografía teatral de Chévere en Compostela, tratando de traducir a cidade de 1987 con palabras de 2017.

Chévere propón unha intervención teatral que é un xeito de reencontrarse coa cidade para volver habitala. Unha experiencia teatral superposta sobre o espazo urbano. Apropiarse do paseo como táctica de relación coa contorna para provocar un feito escénico a pé de rúa. É apenas andar, mirar, escoitar, sentir. Activar o encontro entre o teatro e o público. Desenvolver unha ficción que fará aínda máis real a cidade na que seguimos vivindo.

O público sigue a peza a través de reprodutores mp3 e auriculares que se entregan no punto de inicio do roteiro.