Teatro

Supersoniq, o mal non acouga

A trepidante historia de Supersónic nun despiadado mundo editorial e o seu encontro cos malignos acólitos do Dragón Vermello. Unha versión disparatada, irrreverente e iconoclasta do texto de Josep Mª Bernet, que se convirte nunha homenaxe escénica ao mundo acelerado dos cómics.

Convertemos o Supertot en Supersonic e planeamos a obra como teatro de rúa, facendo unha adaptación a cada espazo para buscar as localizacións de cada escena. A estrea foi na praza do Toural de Santiago. O escenario principal era a fachada barroca do Pazo de Bendaña. Pero como era domingo alí non apareceu ninguén, tampouco nos deixaran as chaves e non puidemos entrar. Tivemos que improvisar algo para poder actuar. Puxemos unhas escaleiras desde a rúa para acceder aos balcóns e uns taboleiros sobre as barandillas para pasar dun a outro. Un era o laboratorio, outro a oficina e tiñamos que pasar polos taboleiros antes ou despois de cada escena e baixar e subir polas escaleiras apoiadas na parede. Era todo un pouco acrobático e non exento de perigo. Tamén usamos como escenario a fonte. John tirábase por unha tirolina desde o tellado do edificio da farmacia que había do outro lado da praza, para imitar o voo do superheroe, e o seu VW Escarabajo facía varias pasadas entrando pola Rúa Nova.