Teatro

Valle Inclán Pirata

Data de estrea: 01-08-1998

Unha co-produción de Chévere, Trigo Limpo e a Expo 98 de Lisboa.

Construír o teatro como espazo aberto, o horizonte como telón, o mar como palco, o texto como aventura. Abordar ao público no seu territorio creando unha zona de acción escénica temporalmente autónoma. O Valle Inclán Pirata é un escenario flotante dirixido pola xente do Trigo Limpo (Portugal) e do Chévere (Galicia) para o saqueo teatral da costa atlántica da Península Ibérica. Un espectáculo anfibio, navegable e nómada que se presenta sen aviso, pasa e conta sedutoras mentiras que se fan realidade.
 
Un espectáculo feito a bordo dunha goleta do século XIX restaurada para a ocasión: o Valle Inclán. O periplo duns piratas galego-portugueses por toda a costa atlántica peninsular que os levou desde o Algarve portugués, recalando na Expo de Lisboa, Cangas e Muros ata a cidade da Coruña. En cada un deses sitios, o grupo galego Chévere e o portugués Trigo Limpo levarán a cabo unha serie de accións en terra e no mar agrupadas en tres bloques:

  1.  A busca do tesouro. Unha acción desenvolvida en terra, consistente na pesquisa do territorio, guiados por un mapa, ata conseguir o seu obxectivo.
  2.  A visita ao barco. O público, en grupos reducidos, vai visitando o interior do barco para asistir á vida cotiá a bordo. Piratas comendo, bebendo e divertíndose e mesmo un xuízo xenuinbamente pirata serán algunhas das cousas que poderán contemplar.
  3.  O retablo. Unha peza teatral que tén por escenario a cuberta do barco e que compendia todo o espírito pirata dos filmes e as novelas que configuran este xénero.