Outros proxectos

Berberecheira: laboratorio de creación escénica de Chévere

Neste volume recóllense os textos das tres obras incubadas entre 2016 e 2019 na Berberecheira, o laboratorio escénico do grupo Chévere en Teo: Goldi libre!, de César Goldi; Salvador, de Borja Fernández; e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro. Inclúe fotografías das obras e do proceso de investigación. 
A Berberecheira é un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere, que forma parte do plan de residencias desenvolvido pola compañía no concello de Teo. Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección dunha compañía veterana como Chévere, para apoiar proxectos de creación innovadores que van máis alá do núcleo estable do grupo para ampliar así as voces e as poéticas vencelladas ao percurso artístico de Chévere.
Nestes primeiros anos, a Berberecheira centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.Segundo a propia compañía, os espectáculos producidos na Berberecheira caracterízanse por:

  • o rigor no tratamento das fontes documentais,
  • a exposición de experiencias persoais que conectan con problemas e feitos colectivos
  • a narración en primeira persoa
  • a investigación sobre o teatro autobiográfico
  • a xestión colectiva do proceso de creación
  • a apertura do proceso de investigación á participación doutros axentes creativos, técnicos e sociais
  •  a veracidade dos feitos narrados
  • o establecemento dun pacto claro co espectador en relación á verdade e á ficción
  • a exploración de rexistros, soportes, narrativas e formas escénicas innovadoras


Agora, o novo libro recolle o traballo destes anos para transmitir a experiencia de cada un destes espectáculos que, se ben teñen moito en común, tamén teñen características propias que os singularizan. O libro, que conta cunha distribución limitada, pódese mercar nas seguintes librarías: Couceiro, Lila de Lilith e Númax, en Santiago; Berbiriana, en Coruña; Cartabón, en Vigo e Trama en Lugo. Tamén se pode escribir a info@grupochevere.eu e mandarancho á casa.