Ficción sonora

Audioguía ficcionada en O Pindo (Carnota)

Data de estrea: 29-07-2020

Unha produción de Chévere en co-produción coa Confraría do Pindo, co apoio dos concellos de Carnota, Dumbría, Fsterra e o GALP Costa da Morte. O noso agradecemento a toda a veciñanza do Pindo que compartiu con nós a súa memoria e experiencia de vida, especialmente a Xil Caamaño.

Esta audioguía ficcionada forma parte de Contos do Mar, un proxecto participativo que quere poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira. Unha iniciativa da Confraría do Pindo e dos concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra, que conta co apoio do GALP.  O obxectivo é achegar un retrato sonoro do territorio e da forma de vida da poboación nos últimos cen anos. Produto dun coidado proceso de documentación identifícanse feitos, personaxes e espazos representativos da historia cotiá, para transmitir a idiosincrasia e a esencia do lugare escollido: O Pindo, no concello de Carnota.

Esta é unha invitación a realizar un paseo audioguiado, que se pode facer en grupos pequenos, en parella ou individualmente e sen concertar cita previa. As audioguías son relatos ficcionados e teatralizados, sempre ligados aos espazos polos que discorre o paseo, posibilitando unha inmersión emocional na paisaxe, nas voces e nas historias locais. Só tes que acudir aos puntos de información municipal indicados para cada concello e solicitar os auriculares necesarios para o paseo. Una vez postos, segue as indicacións que están gravadas e xa podes empezar a andar.

O PINDO

O paseo polo Pindo supón a descuberta dun lugar tradicionalmente illado, dunha sorprendente singularidade xeográfica, que garda unha rica historia ligada ao mar e ao monte sagrado do Pindo. Vainos guiar a voz dun vello mariñeiro que coñece os recantos de cada pedra, de cada barco, de cada casa. Con el visitaremos edificios e lugares vencellados a actividades pesqueiras, descubriremos outeiros que foron illas, lagoas perdidas na memoria e costumes enterrados na area da praia. E coñeceremos historias do Monte Pindo que tanto se poden confundir coa lenda, como formar parte dun pasado recente silenciado.


    • Punto de saída: Confraría de pescadores do Pindo
    • Punto de chegada: Porto do Sinal
    • Distancia percorrido: 1.200 m.
    • Duración: 47 minutos.
    • Dificultade: baixa.