Ficción sonora

Audioguía ficcionada no Ézaro (Dumbría)

Data de estrea: 29-07-2020

Unha produción de Chévere en co-produción coa Confraría do Pindo, co apoio dos concellos de Carnota, Dumbría, Fsterra e GALP Costa da Morte. O noso agradecemento a todas a veciñanza do Ézaro que compartiu con nós as súas historias de vida, especialmente a Celina, Lela, Manola, María Luisa, Mari Carmen, MAria Genoveva, Xaquín e Nieblas.

Esta audioguía ficcionada forma parte de Contos do Mar, un proxecto participativo que quere poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira. Unha iniciativa da Confraría do Pindo e dos concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra, que conta co apoio do GALP.  O obxectivo é achegar un retrato sonoro do territorio e da forma de vida da poboación nos últimos cen anos. Produto dun coidado proceso de documentación identifícanse feitos, personaxes e espazos representativos da historia cotiá, para transmitir a idiosincrasia e a esencia do lugare escollido: o Ézaro, no concello de Dumbría.

Esta é unha invitación a realizar un paseo audioguiado, que se pode facer en grupos pequenos, en parella ou individualmente e sen concertar cita previa. As audioguías son relatos ficcionados e teatralizados, sempre ligados aos espazos polos que discorre o paseo, posibilitando unha inmersión emocional na paisaxe, nas voces e nas historias locais. Só tes que acudir aos puntos de información municipal indicados para cada concello e solicitar os auriculares necesarios para o paseo. Una vez postos, segue as indicacións que están gravadas e xa podes empezar a andar.

ÉZARO

O paseo polo Ézaro comeza na praia, mirando o amplo horizonte que se abre no mar, transcorre pola beira dunha estreita ría que nin chega a selo e remata na impresionante fenda que o río Xallas abriu nunha paisaxe abrupta e montañosa. O fío condutor a través deste territorio de tantos contrastes serán as voces das mulleres que tiveron que traballar sen descanso para sobrevivir a unha época especialmente difícil. Mulleres que turraron das redes na praia, que subiron á montaña carrexando peixe, que traían toradas de piñeiros á cabeza, que ían torar baleas, que subían sacos de cemento e pedras para as obras dos encoros río arriba...


    • Punto de saída: CIR Centro de Interpretación de Rutas do Monte Pindo e Fervenza do Ézaro
    • Punto de chegada: Cuadoiro-fervenza do Ézaro.
    • Distancia: 1.250 m.
    • Duración: 47 minutos.
    • Dificultade: baixa.