Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Fisterra

Data de estrea: 29-07-2020

Unha produción de Chévere en co-produción coa Confraría do Pindo, co apoio dos concellos de Carnota, Dumbría, Fsterra e o GALP Costa da Morte. O noso agradecemento á veciñanza de Fisterra e de Sardiñeiro que compartiu con nós as súas historias de vida, especialmente a Manolo Martínez. https://contosdomar.com

Esta audioguía ficcionada forma parte de Contos do Mar, un proxecto participativo que quere poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira. Unha iniciativa da Confraría do Pindo e dos concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra, que conta co apoio do GALP.  O obxectivo é achegar un retrato sonoro do territorio e da forma de vida da poboación nos últimos cen anos. Produto dun coidado proceso de documentación identifícanse feitos, personaxes e espazos representativos da historia cotiá, para transmitir a idiosincrasia e a esencia do lugare escollido: a vila de Fisterra.

Esta é unha invitación a realizar un paseo audioguiado, que se pode facer en grupos pequenos, en parella ou individualmente e sen concertar cita previa. As audioguías son relatos ficcionados e teatralizados, sempre ligados aos espazos polos que discorre o paseo, posibilitando unha inmersión emocional na paisaxe, nas voces e nas historias locais. Só tes que acudir aos puntos de información municipal indicados para cada concello e solicitar os auriculares necesarios para o paseo. Una vez postos, segue as indicacións que están gravadas e xa podes empezar a andar.

FISTERRA

Fisterra é o Cabo da Fin do Mundo e a necesaria prolongación do Camiño de Santiago, pero sobre todo é unha vila que non renuncia ao seu carácter mariñeiro. Na compaña dun imaxinario programa de radio, atravesaremos rúas, prazas, calellas, praias e castelos descubrindo relatos, personaxes, sucesos, oficios e curiosidades que permanecen asociadas a eses lugares. Historias case sempre ligadas ao mar, á pesca, ao tráfico marítimo e ao simple feito de vivir rodeada de océano.

    • Punto de saída: Punto de Información Turística/ou/Albergue de peregrinos
    • Punto de chegada: Praia de Corveiro.
    • Distancia: 1.350 m.
    • Duración: 48 minutos.
    • Dificultade: baixa.