TeatroOutros proxectos

Alá no fondo hai sitio abondo

Data de estrea: 10-11-2007

Esta obra foi o resultado dun concurso convocado pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e gañado por Chévere para a creación dunha peza de teatro científico, con motivo da Semana da Ciencia 2007.

O Circo Atómio das Irmás Feynman dá a coñecer ao público un dos avances científicos máis asombrosos da historia da humanidade: a nanotecnoloxía. Unha tecnoloxía capaz de construír máquinas biolóxicas, crear formas de vida dirixidas por humanos e feitas a medida. As Irmás Feynman trasládannos ao infra-mundo dos átomos para que vexamos como son, como se comportan e como poden transformar as nosas vidas nun futuro que xa está aquí. Circo de pulgas, fenómenos de feita, maxia, teatro de variedades ou music-hall, todas as linguaxes do espect´culo son aptas para lograr a escenificación do coñecemento científico.

A estrea tivo lugar na Casa das Ciencias da Coruña, sendo presentada posteriormente no MARCO (Museo de ARte Contemporánea de Vigo), CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela), Museo Provincial de Lugo, Museo Municipal de Ourense,  Zientzia Museoa de Donostia, CosmoCaixa de Barcelona, Casa de las Ciencias de Logroño, Museo de la Ciencia Valladolid.