Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Viveiro

Data de estrea: 12-05-2018

Unha produción Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a través do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Turismo Slow. Coa colaboración de Promove Consultoría.

Dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés

A iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Chévere deseñou e elaborou tres audioguías para as tres cidades que son portas da Mariña Lucense: Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo. As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada destino, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

Neste paseo sonoro autoguaido, acompañaremos a un paseante nocturno nunha viaxe fantástica por rúas e prazas de Viveiro. Seremos espectadoras das súas conversas con Pastor Díaz, George Borrow, Nemesio Barreiro, Maruxa Mallo ou Emilio Caxete “O Rabeno”. Asistiremos á toma do concello liderada por Xan de Izá en 1812 e aos sucesos de novembro de 1911. Seremos testemuñas da rivalidade entre a Banda dos Exploradores e Os Tolinos. Seguiremos a Don Adolfito o trovador, escoitaremos algúns maios e algunha copla de entroido. Coñeceremos o testamento de María Sarmiento e os negocios de José Barro. Visitaremos a Praza Maior, o Colexio Insigne, a Casa dos Leóns, a taberna de Rosendo, o Convento das Concepcionistas, a Igrexa de Santa María, a Calexa das Monxas, o Pazo Valledor, o Teatro Pastor Díaz, a Calexa do Muro, a Praza de Abastos e a Fonte da Area.

O relato está influído pola literatura fantástica. É un conto de pantasmas, unha historia de mortos vivintes que nos permite revivir escenas do pasado de Viveiro. Só ao final descubriremos que o personaxe que nos conduce a través das rúas do casco histórico de Viveiro é tamén unha pantasma. Ao chegar á Fonte da Area poderemos descubrir que a voz narradora é unha homenaxe ao ilustre intelectual e diplomático viveirense Lois Tobío.

Duración: 45 minutos.