IgualdadeOutros proxectos

EscapÁrate contra a violencia machista

Data de estrea: 24-11-2012

Chévere propón converter os escaparates dos comercios en soportes dunha campaña de sensibilización para a prevención da violencia de xénero, utilizando a comunicación teatral para transmitir a mensaxe con máis efectividade. A idea é desenvolver en distintos escaparates unha serie de intervencións escénicas que tratan específicamente o tema da violencia machista, co fin de concienciar a un público amplo desde a proximidade, o humor, o corazón e a empatía. É un xeito orixinal de trasladar á rúa un debate que moitas veces non sae da casa, recoñecendo o valor do comercio retallista como ámbito preferente de comunicación entre a veciñanza.

O proxecto está deseñado como unha peza de teatro estruturada en dous actos de natureza distinta, que se poden seguir tamén de maneira independente:

O primeiro acto está formado por tres retratos de mulleres a soas que sofren malos tratos. Tres perfiles completamente distintos de mulleres que son vítimas de agresións tanto dentro dunha relación de parella como dentro do sistema sanitario. Son tres escenas individuais, nas que se trata de transmitir ao público un problema e unha dor. A posta en escena aproveita ese xogo e ese contraste entre a intimidade que ofrece o interior do escaparate e a exposición pública que implica facelo diante da xente que pasa pola rúa. É un territorio fronteirizo entre o público e o privado, entre o teatro de sala e o teatro de rúa, entre a exposición e a reflexión.

O segundo acto consiste nunha escena de interacción co público que estea na rúa. No escaparate móstrase unha situación típica de parella, que dá pé a facer en voz alta unha reflexión sobre as orixes ás veces imperceptibles do que logo acaba desembocando en agresión e violencia machista, convidando ao público a participar nun debate a ceo aberto.

Ademais, nun dos escaparates faise unha instalación escénica. O público accede ao escaparate para escoitar o audio da obra Silvia, estás aí? de Fátima Rodríguez, a través de auriculares. Obra premiada no Concurso de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega, conta dun xeito moi orixinal e sutil a historia dunha muller adulta que sufriu abusos sexuais durante a súa infancia por parte dun familiar.

Este proxecto en orixe foi un encargo da Concellaría de Igualdade do concello de Monforte, estreado alí o 24 de novembro de 2012. Posteriormente presentouse nos concellos de Pontevedra (2013), Ribadeo (2014), Fene (2017) e Ferrol (2018).