Outros proxectos

Gala XX Premios María Casares 2016

Data de estrea: 30-03-2016

Unha co-produción de Chévere e a Asociación Galega de Actores e Actrices.

DAS IRMANDADES DA FALA AOS PREMIOS MARÍA CASARES, 100 ANOS COA LINGUA POR FÓRA

En 2016 celebrouse a edición número 20 dos Premios María Casares e o 30 aniversario da creación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Tamén foi o 20 aniversario do pasamento da actriz María Casares e o primeiro centenario da fundación das Irmandades da Fala na Coruña. Con todas estas efemérides sobrevoando o Teatro Rosalía de Castro, a proposta de Chévere para a gala de entrega dos premios dese ano quixo ser unha celebración da nosa identidade cultural colectiva, unha mostra orgullosa do que construímos colectivamente en Galicia arredor da lingua, da cultura e do teatro durante 100 anos.

Propuxemos por tanto unha celebración festiva, ambiciosa, musical e coral para botar unha mirada orgullosa e panorámica a algúns dos fitos que marcaron a cultura e o teatro galegos dende que en 1916 se fundaron as Irmandades da Fala na rúa Rego de Auga da Coruña, facendo un exercicio de imaxinación histórica para establecer un diálogo escénico entre os feitos, personaxes e creación locais e as correntes principais da cultura internacional de cada época. Propuxemos unha gala que reivindica unha identidade cultural propia aberta ao mundo, unha mirada orgullosa ao pasado para afrontar con determiniación o futuro do teatro, da lingua e da cultura galegas. Abandoar por un día o discurso da queixa para ofrecer unha visión positiva, vitalista e confiada, demostrando que a forza creativa do país está por riba das inercias políticas. Presentar unha cultura e un teatro que é de todos, que forma parte do imaxinario e da memoria colectiva dos galegos e galegas de hoxe en día.

O equipo encargado de realizar esta gala desbordou os límites de Chévere como compañía porque se trata dun grupo de persoas conectado co universo da Ultranoite, unha marca propia xurdida do teatro máis nocturno e soterrado que acabou abrollando en escenarios de todo o país e convocando a milleiros de espectadores cómplices ao longo de 23 anos. A experiencia da Ultranoite é un capital creativo que alimentou esta gala, cruzando os camiños do teatro co cabaré, as variedades e o musical. A Ultranoite é colectiva, multitudinaria, chascarrilleira, gamberra e musical. A xente da Ultranoite quixo participar desta festa do teatro galego,  conformando un equipo amplo, diverso e talentoso. Un elenco versátil de actores e actrices que ademais cantan e bailan e unha orquestra de cinco músicos para enriquecer os ambientes sonoros da gala. Sabemos que neste momento poñer en escena un grupo de 15 artistas esixe forzar as posibilidades dun evento coma este, pero ás veces para medrar hai que ser inconformistas con nós mesmos. Demostremos que o teatro galego ten forza, ganas e vitalidade para medrar!

Podedes ver a gravación completa da gala nesta ligazón da CRTVG:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/xx-premios-de-teatro-maria-casares