ObradoirosOutros proxectos

Cacheiras Nadal Comedy

Data de estrea: 20-12-2013

Un proxecto creado por Chévere como compañía residente do concello de Teo. Comerciantes e veciñas participantes: Paloma Bustelo, Elena Fabeiro, María José Picón, Rocío García Cacheda, Andrés Mosquera Rey, Nelly Fernández Pérez, Ana María Martínez Castro, Natalia Gómez Bayón, Juan, María, Óscar, Ana, Juan, Sonia, Mónica, Isabel.

Cacheiras Nadal Comedy foi a parte final e máis visible dun proxecto máis amplo de teatro comunitario, realizado en 2013 e 2014 en colaboración cun grupo de comerciantes e veciños de Cacheiras (Teo) e que titulamos xenéricamente Cacheiras Comercio Creativo. A idea é utilizar o teatro e a creatividade como factores para a motivación das persoas que traballan no comercio de proximidade do concello de Teo, ofrecendo ademais unha imaxe innovadora e lúdica da zona de Cacheiras e visibilizando a súa actividade comercial. Para iso abrimos un proceso de traballo colaborativo para a creación dunha serie de pezas “teatrais” que se exhibiron dentro dos mesmos comercios. Cada peza tratou un tema proposto polas persoas participantes, a partir de historias que expresan as súas experiencias, traxectorias, vivencias, problemas, anécdotas, intereses e preocupacións, que moitas veces son comúns. Foron seis sesións de traballo onde se expresaron e debateron temáticas, formatos e estratexias e unha práctica teatral que serviu para traballar coa voz, coa presenza no escenario ou o xeito de expresarse en público, e para guionizar ideas, teatralizar situacións e incorporar a creatividade aos labores diarios. Despois xa foron ensaios, lecturas, gravacións...

Cacheiras Nadal Comedy foi o resultado visible do proceso, un evento parateatral que veu reforzar a campaña de Nadal dos comercios participantes. Durante dous días o público que se achegou a Cacheiras puido visitar os comercios e asistir ás intervencións escénicas realizadas de maneira colaborativa entre comerciantes e artistas compartindo escenario e con formatos que foron do stand up ao teatro de obxectos, pasando pola performarce, a entrevista, o musical e o cinema. Un xeito de poñerlle cara ao comercio e coñecer ás persoas que están do outro lado do mostrador ou da mesa. Un convite a usar o comercio que temos máis perto e a mudar os nosos itinerarios habituais como consumidoras.

Esta proposta xurdiu do interese manifestado por algúns comerciantes da zona de Cacheiras para usar o teatro como vehículo de dinamización da zona e de motivación dos profesionais do comercio local. E contou co apoio da concellaría de cultura do Concello de Teo, formando parte das actividades incluídas no plan de residencia teatral de Chévere.