Teatro

I Congreso Internacional de Monstros

Planeado como un congreso onde os relatores son actores e actrices que asumen o papel de diferentes monstros sacados de libros e filmes clásicos de terror e o público asume o papel de congresistas, o I Congreso Internacional de Monstros foi un proxecto de intervención escénica sobre distintos espazos da cidade. Ao longo de tres días un teatro, as rúas, un parque e unha lagoa foron visitadas por Frankenstein, a súa Noiva, o Lobishome, Drácula, o Xorobado de Notre Dame, a nena do Exorcista, Fredy Kruger ou a Momia de Franco. A traca final tivo lugar no parque do Auditorio de Galicia con proxeccións sobre a súa fachada, pirotecnia acuática e unha banda de rock en directo poñendo a banda sonora ao encontro de toda esta fauna, con dúas mil persoas alí congregadas como testemuñas.