Teatro

N.E.V.E.R.M.O.R.E. (versión adaptada)

Data de estrea: 20-01-2023

Unha co-produción de Chévere co Centro Dramático Nacional, co apoio da Agadic-Xunta de Galicia e a colaboración do Auditorio de Galicia/Concello de Santiago de Compostela. O noso agradecemento á María Bella, Manuel Rivas, Jorge Linheira, Viki Rvadulla, Muxía, Rosa Aneiros, Séchu Sende, Bocixa, Belen Brandido, Xosé Díaz, Xosé Iglesias, Nacho e Raul da Confraría de Muxía, Protección Civil de Muxía, Clotilde Vaello, Carmen Hortas, Soundtroop, Silvia Fernández Pampín.


Ver anteriores datas
EN XIRA DURANTE O PRIMEIRO SEMESTRE DE 2023

Esta é unha versión adaptada a espazos que non dispoñan de tremoia.  O contido da obra e as escenas mantense integramente. Só se prescinde dos elementos da escenografía que van colgados e dos movementos das varas durante a función.


Decidimos facer esta versión a proposta dun programador dunha pequena vila a quen respectamos moito. Despois de ver a obra, veu falar con nós para convencernos de que esta historia tiña que chegar tamén a outros públicos e a outros lugares de Galicia que non contasen con teatros con tremoia. Díxonos que a historia por si mesma era abonda para interesar e chegar a máis públicos, que era unha historia nosa e que pagaba a pena o esforzo para espallala. E claro, deixámonos convencer. Ofrecémola así con todas as ganas e con toda humildade, porque segundo pasa o tempo esta obra é cada vez máis vosa.


N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. N.E.V.E.R.M.O.R.E. podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora.


Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Coma se no fose posible encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra.


Tódalas melodías interpretadas na obra proceden do cancioneiro tradicional galego. Cancións: "E o corvo dixo Nevermore" adaptación de "Canto de andar o camiño de Bembibre" recollido por Leilía no seu disco "Leilía". "Alalá das Mariñas" recollida por Faustino Santalices, cantada por Uxía Senlle ao rematar a manifestación do 1 de decembro de 2002 na praza do Obradoiro. "Maneo de Cances da Vila" (Carballo), recollido á Sra Carmen por Davide Salvado xunto con Raigañas de Cerqueda e Xiradela. "Muiñeira de Silván", recollida e arranxada por Xurxo Fernandes, interpretada con paixón por PAN.SEN.FRON.