Outros proxectos

CHÉVERE (1987-2022) Trinta e cinco anos de axitación cultural

Data de estrea: 17-11-2022

Libro-catálogo 22x22 cm, 300 páxinas, 88 páxinas de fotografías, publicado en novembro de 2022.

Pódelo atopar en todas as librarías galegas

Con este novo libro que recolle toda a historia do grupo Chévere continúa a colaboración entre a compañía e Kalandraka Editora, que xa ten editado nos últimos anos os textos de Río Bravo, Annus Horríbilis e outros musicais, Citizen ou Eroski Paraíso. O libro ten trescentas páxinas e conta cun amplo e variado apartado gráfico, con fotografías, imaxes de carteis e programas e outra documentación visual. Ademais, inclúe un epílogo escrito por Roberto Pascual, docente na ESAD e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Podes ver un vídeo de presentación do libro en Kalandraka TV.

E un pase visual das primeiras páxinas neste enlace

Non son moitas as compañías de teatro que chegan a cruzar cinco décadas mantendo a enerxía, as ganas de facer e a complicidade dun público amplo e plural. Por iso Chévere decidiu formatear nun libro a súa memoria, que tamén é a de moita máis xente. Un libro que repasa toda a historia de Chévere desde a súa creación en 1987, faino en forma de diálogo e a través das voces das persoas que formaron o seu núcleo máis estable: Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés. Pódese dicir que é un libro de memorias, ou unha autobiografía ou unha conversa-río que describe non só o que ocorre por dentro dunha compañía de teatro, senón que funciona como unha crónica da vida cultural, social e política dos últimos trinta e cinco anos. Ademais, ofrece un relato sobre a transformación e deriva da cidade de Santiago de Compostela desde os anos oitenta ata a actualidade.

O libro comeza relatando a formación do grupo naqueles anos oitenta de efervescencia cultural, cando todo parecía máis posible, sobre todo nunha cidade en transformación como era Compostela. Conta como xurdiu, medrou e acabou o proxecto da Sala Nasa e como as ultranoites se converteron nun acompañamento necesario para Chévere ata a actualdiade. Analiza os atrancos, as dúbidas, os fracasos e os éxitos de todos estes anos. Todo salpicado con ese humor retranqueiro e esa perspectiva crítica que son propias do grupo.

Se non o podes conseguir na túa libraría, pódelo mercar on line aquí:

https://kalandraka.com/chevere-1987-2022-trinta-e-cinco-anos-de-axitacion-cultural-galego.html