Teatro

Ultranoite #112

Data de estrea: 22-09-2023

Non hai datas programadas


Ver anteriores datas
A Ultranoite volve o 22 e 23 de setembro!

A Ultranoite acompaña á compañía Chévere dende 1993 e vai xa pola súa edición número 112, cumprindo trinta anos no escenario. Esta será unha Ultranoite para un momento de especial emerxencia, no que os valores dunha sociedade democrática son tirados literalmente ao lixo, sen que pareza importarlle a moita xente. Así que aí vamos, cunha chea de temas de actualidade para  darlle unha volta con boas doses de humor e crítica.

Despois do éxito de convocatoria da Ultranoite celebrada o ano pasado no Liceo de Noia, volvemos recuncar neste marabilloso salón de baile, que nos ofrece un magnífico espazo para gozar do espectáculo da Ultranoite como debe ser: con mesas, servizo de bar e na mellor compañía que cada quen queira, para despedir o verán e entrar no outono con enerxías e risas renovadas.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro e moito máis perto da realidade.

Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é un fenómeno único na historia recente da producción cultural galega.

FICHA ARTÍSTICA

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xesús Ron, Arantza Villar, Mónica García, Borja Fernández, Diego Anido e a participación especial de Quico Cadaval.
Ultrabanda: Xacobe Martínez Antelo (baixo, contrabaixo), Max Gómez (percusións, batería) e Manuel Cebrián (guitarras, violín).
Técnica: Fidel Vázquez, Xurxo Pinheiro.
Vídeos: Luis Avilés
Produción: Inés Portela
Comunicación: Xana García
Coa colaboración do Liceo de Noia.