Teatro

Ultranoite na Maré

Data de estrea: 27-09-2024

Unha produción Chévere para o Festival Maré, con apoio de Agadic-Xunta de Galicia.

Non hai datas programadas


Ver anteriores datas

A Ultranoite volve a Compostela por unha noite despois de tantos anos aboiando noutras augas. Volve coma se fose unha creba que a marea deixa entre as pedras. Ninguén a esperaba e aqui está. Chea de salitre. O marco máis axeitado para o regreso da Ultranoite a Compostela é o Festival Maré, recollendo iniciativas como a Ultranoite para reforzar o carácter cultural singular que sempre tivo a nosa cidade e que agora vai sendo engulido pola turistificación.

A Ultranoite é un viveiro flotante de sketches, unha batea teatral con infinidade de cordas somerxidas cheas de números feitos ao longo de trinta anos. Para o Festival Maré a tripulación da Ultranoite sacará á superficie algúns destes números para volvelos degustar co público. Son cancións, vídeos e sketches que só se puideron ver fugazmente ou que nunca antes se viron en Compostela. O público que non coñeza a Ultranoite poderá achegarse á historia deste submundo cultural e entender de que lle estamos falando. O público habitual aprezará a oportunidade de volver botar unhas risas con números que nunca soan coñecidos porque foron momentos demasiado fugaces.

En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Diego Anido, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.

A Ultranoite fíxose na Sala Nasa de maneira regular entre os anos 1993 e 2011. No 2012 Chévere trasladouse ao concello de Teo e co grupo viaxou a Ultranoite, que se mostrou con estabilidade no Auditorio Constante Liste da Ramallosa ata o ano 2019. Nos dous últimos anos (2022, 2023) a Ultranoite fíxose no auditorio do Liceo de Noia. En total, ao longo de 30 anos fixéronse 112 Ultranoites distintas e máis de 200 funcións.