Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Burela

Data de estrea: 18-06-2024

Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración dos mariñeiros Santiago Lestegás “O Segundo do Fraga”, Antonio Abad “O Gacha”, Abelardo Basanta “O Laura”, da redeira María Jesús Alonso, de Ana Moreiras, Antonio Valle “O Caxoto”, Iria Pita e, sobre todo, Herminia Pernas.

Burela, o mar dos pataqueiros. Esta audioguía recolle historias dunha vila mariñeira poboada por labregos e dun porto que medrou tanto pola industria do caolín como pola actividade pesqueira. O obxectivo é dar a coñecer non só o importante papel que a actividade pesqueira tivo e ten en Burela, senón tamén a actividade industrial que marcou a historia da vila durante todo o século XX, ligada á explotación do caolín e arxilas locais. Durante o paseo buscaremos respostas aínda visibles para descubrir que a riqueza deste porto procede do profundo da terra.

Cando estivemos en Burela falamos con moitos mariñeiros e dalgún xeito enchoupámonos da cultura do mar. No local da Moncloa onde se xuntan atopamos no só moitas fotos antigas, senón tamén todo tipo de aparellos dos barcos, entre eles numerosos sistemas de navegación e orientación. Aí empezamos a sentir que as conversas que mantivemos seguían soando cando nos afastabamos de volta como se foran chamadas que escoitamos a través dunha radio costeira. Por iso decidimos que o relato estivese guiado desde un barco que vai navegando con nós e lanzando mensaxes por radio para ofrecernos un rumbo a seguir. E ao mesmo tempo, interrompido por chamadas doutros barcos que nos van ofrecendo todo tipo de informacións e historias. Para estas intervencións aproveitamos algunhas das entrevistas realizadas, para que os mariñeiros locais tivesen unha presenza con voz propia na audioguía. Pero tamén ficcionamos con actores outras intervencións. Todas estas voces masculinas combínanse coa voz feminina da narradora que nos acompaña, un personaxe que representa a colonia caboverdiana existente en Burela.

  • Punto de saída: Oficina de turismo, porto de Burela.
  • Punto de chegada: Porto de Burela, barco-museo boniteiro.
  • Duración: 44 minutos.
  • Dificultade: baixa.

Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-ficcionada-de-burela
Toda a información das audioguías ficcionadas da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas