SALA NASA
A Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa (1992-2011) supuxo a rehabilitación dun antigo espazo industrial abandonado, situado nun dos barrios máis antigos da cidade de Santiago de Compostela, e a súa adaptación para usos artísticos. A NASA foi unha iniciativa privada, colectiva, aberta e independente, que xurdiu en 1992 desde a sociedade civil, promovida e xestionada por artistas, todos eles vinculados ao Colectivo Chévere, coa finalidade de promover e acoller todo tipo de manifestacións culturais, e coas seguintes prioridades:
- BASE ESPACIAL: servir de base para as actividades do grupo Chévere, co obxectivo de consolidar en Galicia a existencia dunha sala con compañía residente e que funcione como centro de creación contemporánea.
- LABORATORIO ESPACIAL: exercer como centro de encontro e intercambio de experiencias entre grupos e persoas do mismo ou distinto campo artístico e fomentar e producir novas formas de representación. Cambiar os hábitos de achegamento ao feito cultural para xerar outro tipo de contacto, máis directo, co público.
- NAVE NODRIZA: actuar como centro de recursos artísticos para os creadores que o necesiten, acollendo e acompañando grupos, artistas e proxectos que atopan outras portas pechadas.
- SONDA: recibir experiencias e mensaxes doutros lugares e culturas, sempre atentos ás novas expresións, aos creadores máis novos e inexpertos e ás propostas artísticas que non atopan canles axeitadas para a súa difusión.