CHEVERE

Chévere é unha compañía de axitación teatral con máis de 35 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta escénica tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.

Chévere conserva un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo) e mantén unha ampla rede de colaboracións con decenas de profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas. Usando o humor como filosofía e a risa como expresión, as súas obras levan ao palco os debates do presente, documentándoos escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron recentemente obras como Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou As Fillas Bravas (2015 e 2020).

Chévere creou a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en 1992, un espazo cultural independente único pola súa singularidade, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011, precipitado pola persecución do goberno local do PP. Alí mantivo o seu cuartel xeral durante 20 anos, servindo de base a gran parte da produción cultural da cidade e a infinidade de proxectos escénicos, grupos e autores que representan a creación máis arriscada deste período en Galicia e España.

A partir de 2005 Chévere foi diversificando o seu teatro de operacións, como resposta á complexidade dos procesos creativos e á crise de financiamento da cultura. Participou en proxectos audiovisuais como Pepe O Inglés (serie emitida en TVG), Crebinsky, o filme (longametraxe en cine), A Viaxe dos Chévere (documental) ou a versión cinematográfica de Eroski Paraíso. Creou a redenasa.tv, unha plataforma dixital de contidos culturais en galego que acolle ademais o arquivo audiovisual da Sala Nasa. Executou innovadores proxectos de creación en internet como Amores Prohibidos 2.0, xunto a un grupo de adolescentes. E converteu o seu teatro nunha ferramenta de divulgación, sensibilización e comunicación transversal a moitos sectores da sociedade (divulgación científica, promoción do comercio retallista, sensibilización sobre temas de igualdade e violencia machista).

Entre 2012 e 2019 Chévere desenvolve un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña). En 2015 a compañía pon en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un laboratorio de creación para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía. Na Berberecheira incubáronse tres proxectos: Goldi Libre (2016), de César Goldi. Salvador (2017), de Borja Fernández. Anatomía dunha Serea (2018), de Iria Pinheiro.