COMPAÑÍA RESIDENTE

Chévere traballou desde 1992 como compañía asociada á Sala Nasa, dinamizando creativamente a actividade da sala, estreando aí todos os espectáculos e permanecendo en cartel durante varias semanas.

A partir de 2008 Chévere puido desenvolver un proxecto específico de compañía residente na Nasa, integrando a presenza de Chévere na actividade da sala, reforzando as relacións entre o espazo, a cidade e a compañía e funcionando como equipamento local de recursos escénicos. Un proxecto que contou co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela e que se mantivo ata 2011, aínda que con enormes recortes desde 2010.

Entre 2012 e 2019 Chévere desenvolveu un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que tivo como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espazo estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade que a acolle.