Audioguía ficcionada en Morás-Xove
- Idea e creación: Chévere
- Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
- Postprodución de son: Son Pedrouzos
- Voces: Miguel Varela, Patricia de Lorenzo, Dani Trillo, Xron
- Tradución: Chévere , Interlingua
- Dirección de gravación: Patricia de Lorenzo
- Documentación, damaturxia, escrita: Xron
Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración de Benigno Rapa García e Lucía Sánchez Meitín e sen a lectura do manuscrito de Tomás Mariño titulado “Proyecto acerca de la navegación aérea”.
Morás, entre baleas, dolos e zeppelins. O paseo polo portiño de Morás está conducido por un personaxe local, Tomás Mariño, un mestre e inventor que no 1879 rematou un curioso informe sobre a navegación aérea de globos dirixibles, un documento que se considera prioneiro, aínda que non foi publicado ata o ano 1920. O personaxe dun vello mestre retirado que dedica os últimos anos da súa vida a proxectar un dirixble é suficientemente atractivo como para merecer ese protagonismo. O que fixemos foi traer a Tomás Mariño ao presente para que puidese comprobar os acertos do seu proxecto e coñecer non só a historia da aviación posterior, senón tamén a transformación do seu lugar de nacemento. A idea é contrapoñer a mirada dun home de finais do século XIX coa paisaxe actual. Para manter a mesma estrutura que el ideara para o seu texto, decidimos estruturar o noso relato como un diálogo entre dúas persoas. Neste caso será entre Tomás Mariño, recén chegado ao mundo presente, e Sira, unha veciña actual de Xove que lle servirá de guía por esta paisaxe e por este mundo actual.
A primeira parte do paseo transcorre polo parque etnográfico e a historia céntrase na baleeira de Morás, que ocupou este terreo. Ao saír cara á praia recollemos unha historia sobre a procesión da festa patronal, que remataba xusto na praia e servía para conectar a aldea de Morás, uns quilómetros ao interior, coa praia e o portiño. Imos bordeando a costa entre chabolas orixinalmente de pescadores, para chegar ao porto. Segundo imos andando imos vendo de fronte o complexo de Alúmina-Aluminio, o que nos permite contar esa histoira fundamental para a comarca e que ademais impacta toda a paisaxe. Ao final do peirao aínda se conservan os restos dunha antiga cetárea. De volta nos diriximos cara a onde estaba a fábrica de dolos, para contar todo o proceso de construción dos grandes diques que fomos vendo e resolver o misterio destas estrañas estruturas. E desde aí collemos a Senda Costeira de Xove, camiñando entre dolos espallados por todos lados. Facemos unha parada na praia Baleeira e introducimos o tema da caza da balea, sempre presente nesta costa. Rematamos no cemiterio de dolos, unha paisaxe máis propia dunha distopía futurista.
Punto de saída: Entrada do parque etnográfico da baleeira de Morás..
Punto de chegada: Cemeterio de dolos, ao pé dos Cantís de papel.
Duración: 44 minutos.
Dificultade: baixa.
Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-ficcionada-de-xove
Toda a información das audioguías ficcionadas da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas