A Viaxe dos Chévere
- Produción executiva: Xron
- Son: Jaione Camborda
- Postprodución de imaxe: Alfonsín Digital Lab
- Dirección de arte: Jaione Camborda
- Dirección de fotografía: Alberto Díaz "Bertitxi"
- Dirección de produción: Patricia de Lorenzo
- Documentación: Xana García
- Axudante de cámara: Diego López, Diego de Coo
- Guión e dirección: Alfonso Zarauza
Unha produción da Redenasa.tv e Chévere coa axuda da AGADIC. Participou en festivais e centros de arte como Cineuropa (Compostela), Márgenes (Cineteca Matadero Madrid), MIT Ribadavia, MARCO (Vigo), CGAI (A Coruña), MITCFC (Cangas), Escenas do Cambio (Compostela).
A Viaxe dos Chévere é un achegamento filmado ao traballo e á vida dun grupo de cómicos. A través dunha mirada moi persoal e poética, Alfonso Zarauza narra o desterro da compañía de teatro Chévere, expulsada da súa cidade en 2011 por un político corrupto, e a súa loita de resistencia para seguir mantendo a liberdade sobre o escenario despois de tantos anos. Unha loita e unha traxectoria que lle valeron a Chévere a concesión de Premio Nacional de Teatro no 2014. Unha película que fala da irracionalidade do poder e a cordura das artes, da volatilidade da acción política e a perdurabilidade do traballo creativo. Un filme que acredita na veracidade da ficción, nas illas flotantes, nos cabalos filósofos e nos cabarés nihilistas.
Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron ao grupo Chévere no seu traballo diario mentres ensaiaban en Teo a Ultranoite no País dos Ananos, un axuste de contas satírico e musical coa Galicia dos últimos 25 anos. A película aliméntase e usa tamén o arquivo audiovisual que a Sala Nasa xuntou ao longo de 20 anos (1992-2011), que se converte nun personaxe fundamental do relato, como unha crónica feita a carón da súa desaparición, ocorrida en 2011.