TeatroIgualdade

Testosterona

Data de estrea: 12-02-2009

Unha coprodución do Grupo Chévere e a sala NASA. Para a elaboración deste espectáculo foron fundamentais as lecturas de autoras como Beatriz Preciado, Anne Fausto-Sterling, Valerie Solanas, Judith Batler, Virginie Despentes, Donna Haraway ou Eve Kosofsky. O noso agradecemento ao Centro Dramático Galego, a Patri e a Expo de Lilith, á doutora Helena Rodríguez, ao doutor José Ferro e a todas as mulleres participantes nos obradoiros "Ser home por un día".

Testosterona é unha obra que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e plantexa a posibilidade dun xénero de código aberto, copyleft, modificable e flexible.

Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock and roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. 

Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se serve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo ou o vídeo, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia. Sen renunciar aos elementos propios do teatro Chévere: humor, irreverencia, complicidade co público, Testosterona explora tamén o territorio das emocións.

Tito e Fran son dous colegas que acaban de montar un grupete de punk-rock, Os Dildos. Hoxe terán que tocar sós, guitarra e batería, porque Luismi, o baixista, deixou o grupo antes de que puidesen dar o seu primeiro concerto. Tito é a figura carismática dos Dildos, un guitarrista curtido en todo tipo de conflitos e desputas. Fran é o cerebro do grupo, un baterista atípico que escribe coa mesma contundencia coa que bate na caixa.