Berberecheira: laboratorio de creación escénica de Chévere
- Deseño gráfico: Fausto Isorna
- Editorial: Chévere
- Colección: Ultratextos documenta
- Edición a cargo de: Xron
A edición deste libro forma parte das accións promovidas por Chévere como compañía residente no concello de Teo.
Neste volume documéntanse os procesos de creación dos proxectos sementados entre 2016 e 2019 na Berberecheira, o laboratorio escénico do grupo Chévere en Teo, incluíndo os textos completos das tres obras estreadas: Goldi libre!, de César Goldi; Salvador, de Borja Fernández; e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro. O libro inclúe fotografías das obras e imaxes do proceso de investigación.
A Berberecheira é un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere, que forma parte do plan de residencias desenvolvido pola compañía no concello de Teo. Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección dunha compañía veterana como Chévere, para apoiar proxectos de creación innovadores que van máis alá do núcleo estable do grupo para ampliar así as voces e as poéticas vencelladas ao percurso artístico de Chévere.
Nestes primeiros anos, a Berberecheira centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.Segundo a propia compañía, os espectáculos producidos na Berberecheira caracterízanse por:
- o rigor no tratamento das fontes documentais,
- a exposición de experiencias persoais que conectan con problemas e feitos colectivos
- a narración en primeira persoa
- a investigación sobre o teatro autobiográfico
- a xestión colectiva do proceso de creación
- a apertura do proceso de investigación á participación doutros axentes creativos, técnicos e sociais
- a veracidade dos feitos narrados
- o establecemento dun pacto claro co espectador en relación á verdade e á ficción
- a exploración de rexistros, soportes, narrativas e formas escénicas innovadoras