Casa Tomada
- En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, P. H. Amesz, Berio Molina, Xeila Paz, María Viñas, Pablo Sánchez, Lorena Gabdoy, Ana Neira
- Dramaturxia e dirección: Xron, Manuel Cortés
- Iluminación: Ramón Rey
- Espazo escénico: Chévere
- Son: Óscar Álvarez
- Vídeo-proxeccións: Rafa Xaneiro
- Arranxos corais: Ramón Bermejo
- Voz en off: Roberto Vidal Bolaño
- Música en directo: Quique Otero, Pablo Rega, Pachi Valera, Nacho Sardiña
Unha co-produción de Chévere e Compostela Millenium Festival.
A partir do relato do mesmo título de Julio Cortázar, Casa Tomada é un espectáculo multidisciplinar no que teatro, música, performance, vídeo e instalación escenográfica déronse a man na Praza de Cervantes un día de agosto do 2000.
O abandono das casas na zona vella de Compostela, o crecemento de andamios por todas as fachadas dos edificios históricos e a preparación de Compostela para un futuro de decorado para turistas, foron os motivos que levaron ao grupo Chévere a aliarse con artistas doutras disciplinas para poñelo de manifesto nun espectáculo efémero contemplado por centos de persoas que, cabe desexar, tardaron en esquecelo.
O espectáculo ocupaba varios edificios e espazos na praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Unha parte das fachadas da praza cubríronse con andamios, ocupados por unha nova casta cidadá, anónima e desarraigada. O edificio da antiga casa do concello converteuse en escenario, pantalla de proxección e símbolo do abandono do centro da cidade, ocupada por unha nova multitude de turistas de paso. No medio da praza erixíronse dúas torres de madeira, convertidas en chimeneas dunha larada na que ardía o pasado da cidade. Desde o outro lado, a banda Kozmic Muffin acompañaba as accións co eu repertorio inacabable de sons. E todo remataba coa aparición dun coro cidadán de voces anónimas.