Teatro

A derradeira leición do mestre

O pasado verán comezamos a traballar nun novo proxecto, titulado “A derradeira leición do mestre”, que se estreará a comezos do 2026. O punto de partida é o cadro de Castelao do mesmo título e o acto de recepción oficial que se lle fixo na Cidade da Cultura cando foi exposto por primeira vez en Galicia no ano 2018. Un detonante que nos servirá para abrir un diálogo sobre artes nacionais, identidades colectivas e psicopatoloxías da memoria.

Este proxecto nace dunha pregunta: como se constrúen as narrativas da memoria? E no fondo tratará sobre iso. Sobre a arquitectura da memoria. Sobre a importancia que a memoria ten na nosa vida e na nosa sociedade. Sobre as diferenzas ou coincidencias entre a memoria de cada persoa e a memoria colectiva dun pobo, dunha comunidade, dunha nación. Sobre a relación entre a memoria e a historia. Ou entre o teatro histórico e o teatro da memoria. Aínda que se falamos da memoria, poderíase preguntar o mesmo sobre o esquecemento. Que implica o esquecemento no noso mundo? Que decidimos lembrar e que decidimos esquecer? Ou quen decide o que lembramos e o que esquecemos?