Audioguía ficcionada en Corcubión
- Idea e creación: Chévere
- Dramaturxia e dirección: Xron
- Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
- Postprodución de son: Son Pedrouzos
- Voces: Patricia de Lorenzo, Mariña Lestón, Miguel de Lira, Miguel Varela, Mónica García, Arantza Villar
- Documentación: Xron
- Dirección de gravación: Patricia de Lorenzo
- Estudio son: Tomás Axeitos
Unha produción de Chévere, co apoio do concello de Corcubión e o GALP Costa da Morte. O noso agradecemento a toda a veciñanza de Corcubión que compartiu con nós a súa memoria e experiencia de vida.
Esta é unha invitación a realizar un paseo autoguiado, que se pode facer en grupos pequenos, en parella ou individualmente e sen concertar cita previa. Esta audioguía é un relato ficcionado, sempre ligado aos espazos polos que discorre o paseo, favorecendo unha inmersión emocional na paisaxe, nas voces e nas historias recollidas directamente da veciñanza. Só tes que acudir ao punto de información municipal indicado polo concello e solicitar os auriculares necesarios para o paseo. Unha vez postos, segue as indicacións que están gravadas e xa podes empezar a andar. Este paseo autoguiado e ficcionado forma parte de Contos do Mar, un proxecto participativo que quere poñer en valor o patrimonio inmaterial vencellado á cultura mariñeira. Foi deseñado e elaborado co fin de achegar un retrato sonoro do territorio e da forma de vida da poboación no pasado recente. Produto dun coidado proceso de documentación identifícanse feitos, personaxes e lugares representativos da memoria colectiva da vila.
Corcubión, mirando máis alá do horizonte.
Corcubión é un anfiteatro natural colocado sobre unha enseada ben protexida, que serviu de escenario para representar a súa historia. Os seus primeiros habitantes viñeron á procura do mar e desde aquí aprenderon a mirar o futuro igual que se mira o horizonte, como unha invitación a marchar, a mirar máis alá do que se pode ver, a vivir a súa historia coma se fosen parte dun relato máxico. Aí aparecen tradicións perdidas no tempo, como as foliadas de San Xoán e San Pedro, unha festa popular que recreaba coas súas cancións un pasado mítico. E tantas outras historias que falan de tallas italianas que deixan pegadas na area; de exércitos napoleónicos que viñeron queimalo todo; de navegantes que atravesaron todos os mares.