Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Foz

Data de estrea: 18-06-2022

Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración de Xoán Ramón Fernández Pacios, Antón Niñe e o persoal do concello de Foz.

A Mariña Lucense foi pioneira en activar no 2017 as audioguias ficcionadas como recurso turístico para visitar os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Despois duns anos dando continuidade ao proxecto, constitúe a primeira rede de paseos autoguiados para coñecer a memoria colectiva do seu territorio.

As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais e veciñanza, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada lugar, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

Este paseo autoguiado percorre o borde litoral da vila, para falar da configuración do porto e da entrada da ría, das actividades ligadas ao mar, da praia e dos antigos barrios mariñeiros. O relato de Rosa, a nosa guía, convértese nun diálogo a varias voces con participación de veraneantes e veciñanza. Fálase da Xica e das pescantinas focegas que percorrían a comarca; de como era o barrio da Ribeira e Tupide antes dos recheos, espigóns e peiraos; de como era a praia da Rapadoira e da súa contorna antes de se urbanizar; da orixe histórica do Campo da Cabana e do peculiar humor das súas xentes; da tradición conserveira; da carpintería de ribeira; das Carolas e dos Carolos; do naufraxio do Jesús Nazareno; da procesión do Carme e das alfombras de flores. E sobrevoando o paseo, escoitarás cantados e musicados os poemas de Faneca, un personaxe inventado por Xosé de Socorro que fai unha crónica poética daquel tempo mítico en que Foz vivía case dentro do mar.

    • Punto de saída: Edificio CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña Lucense), na Travesía da Ribeira.
    • Punto de chegada: A Rambla (Praza do Conde de Fontao).
    • Duración: 45 minutos.
    • Dificultade: baixa.

Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-ficcionada-de-foz

Toda a información das audioguías ficcionadas da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas