Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Sargadelos

Data de estrea: 18-06-2022

Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración de Elisa Pérez, Camilo Díaz e o persoal do concello de Cervo.

Con esta audioguía ficcionada propoñemos unha viaxe no tempo ata os anos finais o século XVIII para coñecer a historia deste enclave singular e vital da memoria industrial da Mariña Lucense. Un proxecto promovido polo ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez, pioneiro da siderurxia en Galicia, unha figura complexa e chave para entender os conflitos da súa época.

Partindo desde a antiga Casa da Administración-Museo Histórico de Sargadelos e tras pasar fronte do Pazo de Ibáñez (S XVIII), o paseo adéntrase nos restos aínda visibles do complexo industrial, para que podamos recoñecer a situación e antigos usos de todos os elementos que o conformaban: a Rúa do Medio e as súas vivendas planificadas, o campo da feira, o antigo forno de fundición, a Casa das Máquinas, os almacéns e carboeiras, o forno de calcinación, o famoso Paseo dos Namorados e a presa sobre o Río Xunco.

Durante o paseo por estes escenarios, escoitaremos a voz do propio Ibáñez e doutras testemuñas daquel momento, confrontando as súas declaracións no xuízo que tivo lugar despois do motín e asalto de abril de 1798 contra a fundición. Un episodio histórico que serve para amosar o impacto da iniciativa de Ibáñez na sociedade da época, paradigma dos conflitos que xurden na transición entre o Antigo Réxime e a Revolución Industrial.

  • Punto de saída: Museo Histórico-Casa da Administración
  • Punto de chegada: Presa sobre o río Xunco.
  • Duración: 32 minutos.
  • Dificultade: baixa.

Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-ficcionada-de-cervo

Toda a información das audioguías ficcionadas da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas