EscapÁrate!
- En escena: Xron, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Marta Pazos, Mago Romarís, Marcos Ptt, Renata Otero, Xurxo Troncoso, La Chú, Simone Negrín, Natalia Outeiro "Pajarito"
- Idea e creación: Chévere
- Caracterización, maquillaxe: Fany Bell
- Vídeo: Produtora Morta
- Produción: Juancho Gianzo, Patricia de Lorenzo, Xron
- Escenografía: Carlos Alonso
- Fotografía: Angy Álvarez
- Loxística: Fidel Vázquez, Xacobe Martínez Antelo, Xurxo Pinheiro
Unha coprodución de Chévere e Compostela Monumental.
EscapÁrate! é un proxecto que usa o teatro como ferramenta para a dinamización do pequeno comercio e os escaparates como escenario para incentivar o consumo responsable, con participación directa dos establecementos comerciais. Con EscapÁrate! convertemos os escaparates, auténtica seña de identidade do comercio, en escenarios para o teatro.
Tender pontes entre a actividade comercial e a creación artística é un fértil campo de cultivo para sementar usos comerciais, culturais e sociais cheos de novas sensibilidades. Trátase de poñer en valor o comercio retallista como espazo de socialización e reivindicar a compra-venda nunha relación de proximidade baseada no diálogo, de gozar do paseo a ceo aberto ou de deixarse sorprender polo aire na cara, polo cheiro a comida recén feita e pola teatralidade dos escaparates.
Ademais, no contexto da crise provocada pola Covid-19, faise máis necesario aínda desenvolver accións de animación e promoción do comercio de proximidade, un dos sectores máis afectados. O obxectivo é contribuír a que a xente recupere a confianza, saia da casa atraída por unha iniciativa orixinal que altera a súa rutina diaria, e crear unha experiencia positiva en relación co pequeno comercio. O obxectivo final é vivir e usar a nosa vila dunha maneira inesperada e sorprendente, como signos de cambio cara unha nova normalidade máis solidaria, imaxinativa e compartida.
Unha proposta que ademais contribúe a recuperar a actividade cultural e teatral de xeito seguro, porque esta é unha actividade na que o público está ao aire libre, durante un tempo breve, en grupos reducidos, favorecendo a distancia interpersoal e separado dos artistas.
EscapÁrate xorde en 2003 a partir do encargo que o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental fixo a Chévere para deseñar unha proposta innovadora de promoción do pequeno comercio. Posteriormente o proxecto presentouse en Pontedeume, Lugo, Viveiro, Pontevedra e Ames.