TeatroIgualdade

I'll be watching you

Data de estrea: 03-05-2011

Unha produción de Chévere que conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Chévere desenvolveu esta peza como parte da súa liña de teatro con perspectiva de xénero. Creada en 2011 e recuperada e actualizada en 2017 despois de tres anos fora de circulación, I’ll be watching you ten como obxectivos actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico entre o público adolescente.

I'll be watching you fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e de muller que non contemplan outras opcións, o mito do amor romántico e a entrega total, o sentimento de propiedade sobre a outra persoa, o acoso e a cosificación sexual da muller e a connivencia coa violencia. Fala das relacións de igual a igual fronte ás que non o son, da autoestima, da rebeldía, da necesidade de reacción das propias mulleres e dos hombes para poñer fin á violencia de xénero.

O espectáculo transcorre da man de Yeni, vocalista dunha orquestra de pachanga, e Dami, o guitarrista da mesma formación. Veñen ofrecer unha gala matinal acústica, repasando o típico repertorio de éxitos do pop, da música latina, reguetón e trap, esa música que soa en todas partes e é supuestamente neutral, apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.