Mulleronas
- En escena: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar, Mónica García, Iria Pinheiro
- Dirección: Patricia de Lorenzo
O teatro, fóra da súa dimensión cultural e artística, ten unha utilidade social. É un medio extraordinario para transmitir con eficacia mensaxes que calan na sociedade, porque ocorre diante de nós, aquí e agora, é un espazo e un acontecemento compartido. Ademais, o teatro é unha demostración de empatía. Actuar é un exercicio de tolerancia levado ao extremo: poñerse na pel de outra persoa, entendela, sentila. O mesmo pode facerse con unha mesma, o teatro permite que nos vexamos a nós mesmas desde fóra, que nos comprendamos, que nos aceptemos como somos.
Neste obradoiro propoñemos un achegamento ao teatro e á actuación a través da experiencia do grupo Chévere nos escenarios. Guiadas e acompañadas polas actrices do grupo Chévere (PAtricia de Lorenzo, Arantza Villar, Mónica García, Iria Pinheiro), compartimos unha serie de prácticas teatrais que nos axudarán a crear situacións e personaxes desde o corpo e a personalidade propias de cada muller. O obxectivo é compartir inquedanzas, problemas e sentimentos nun espazo de participación que nos permita superar inseguridades e limitacións individuais. Cada unha das mulleres participantes collerá o que lle sexa máis útil, pero todas quedaremos co valor da experiencia compartida e a emoción de ter ido un pouco máis aló do noso “eu” cotián.
Este obradoiro fíxose en colaboración co CIM do concello de Teo durante os meses de abril e maio de 2019, dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade. Artellouse en 8 sesións de 1h 45 minutos cada unha, con periodicidade semanal.