Teatro

I Congreso Internacional de Monstros

Data de estrea: 01-11-1990

Unha coprodución de Chévere e o Festival Encontros Europeos no Camiño de Santiago.

Planeado como un congreso onde os relatores son actores e actrices que asumen o papel de diferentes monstros sacados de libros e filmes clásicos de terror e o público asume o papel de congresistas, o I Congreso Internacional de Monstros foi un proxecto de intervención escénica sobre distintos espazos da cidade de Santiago de Compostela. Ao longo de tres días un teatro, unha carnicería, as rúas, un parque e unha lagoa foron visitadas por Frankenstein, a súa Noiva, o Lobishome, Drácula, o Xorobado de Notre Dame, a nena do Exorcista, Fredy Kruger ou a Momia de Franco. A traca final tivo lugar no parque do Auditorio de Galicia con proxeccións sobre a súa fachada, pirotecnia acuática e unha banda de rock en directo poñendo a banda sonora ao encontro de toda esta fauna, con dúas mil persoas alí congregadas como testemuñas.