Ficción sonora

Dramawalker Vite

Data de estrea: 13-06-2021

Unha creación Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional e Centro Dramático Galego. Coa colaboración da veciñanza e tecido asociativo: AAVV Polígono de Vite, Coordenadora de Vite, Plan Sociocomunitario, CSC José Saramago, Vite Arquiva, Asem. Coop. Pola Paz, Brais Santomil, Rosa Álvarez, Xosé L. Gori, Luqui, Alfredo Santomil, Lano Villaronga, Mabel Requeijo, Juan Gianzo, D. Barreiro, M. Masaguer, P. Ballesteros, Íñigo Sánchez, Joel Gómez, Sagra, Marisa, Loli, Dores, Branca, Uxío, Merce

Estrea o 13 de xuño

Dramawalker é un proxecto do Centro Dramático Nacional desenvolvido en colaboración con outros teatros e compañías locais baseado en ficcións sonoras xeolocalizadas, para seren escoitadas dando un paseo. Trátase de saír dos teatros á procura da memoria urbana das nosas cidades e comunidades de proximidade. Unha experiencia que toma como punto de orixe as artes escénicas, a pegada do teatro radiofónico e o teatro comunitario para explorar as posibilidades das narrativas espaciais ou artes locativas, todas aquelas prácticas nas que o relato se constrrúe en relación a lugares polos que temos que transitar para poder acceder ás distintas partes da historia.

As historias contadas pola veciñanza de distintos barrios en diversas cidades son o punto de partida do proceso creativo. Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria a partir dos testemuños da poboación, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir. Buscamos historias que viven no cotián, no máis próximo, nas prazas, nos bares, na xente que atopamos pola rúa. Para iso, traballarase en colaboración cos axentes máis activos e implicados coa propia comunidade do barrio, para que poidan guiar ás compañías participantes na procura de historias.

O resultado final será unha serie de ficcións sonoras elaboradas a partir das historias recollidas no barrio coa participación de escritores, escritoras, actores e actrices locais. Poderemos escoitar as historias ficcionadas do barrio nos lugares onde realmente ocorreron, utilizando unha plataforma web que sitúa cada relato e percorrido nun mapa virtual do barrio.

O NOSO PROXECTO EN VITE

Desde a década de 1950 o turismo ligado ao mito xacobeo condicionou a planificación e desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela. Provocou cambios de uso radicais en edificios históricos como o antigo Hospital Real, convertido en hotel en 1954. Obrigou a abrir novas vías de acceso directo ata a catedral, eliminando os camiños tradicionais de conexión da cidade histórica cos barrios, como pasou coa apertura da Avenida Xoán XXIII a comezo dos anos 60. Afastou a urbanización do norte da cidade coa instalación dun albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns foron reconvertidos e funcionaron como residencia de estudantes durante case dúas décadas. E desde os anos noventa acelerou o proceso de substitución do comercio tradicional do casco histórico por tendas dirixidas ao consumo rápido de turistas e o proceso de abandono das vivendas, transformadas en hoteis e aloxamentos turísticos.

Pero Santiago de Compostela non é só a súa cidade histórica. É moito máis. A persoa que teña a curiosidade necesaria para ir máis alá da cidade simbólica descrita nas guías turísticas, ten que nos acompañar para descubrir un dos seus barrios máis populares: Vite, sen o que non se podería contar completa a historia da cidade dos últimos 50 anos. Un barrio poboado maioritariamente por persoas con escasos recursos procedentes doutras zonas da cidade, que foron realoxadas en pisos de protección oficial. Un barrio que é o reverso da cidade turística, que representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que facía a diferencia na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!

Dramawalker Vite propón un paseo audioguiado desde o corazón da cidade histórica ao barrio de Vite para mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana. Poderás escoitar cinco pezas sonoras feitas a partir de historias recollidas da veciñanza e asociadas a distintos lugares do barrio. Pódelas escoitar desde calquera sitio, pero se estás en Vite moito mellor. Por iso indicamos os espazos nos que se sitúa cada historia.

Estes son os relatos que fixemos, algúns deles teñen varios capítulos e localizacións:

1. A cidade simbólica non deixa ver a cidade real. Paseo audioguiado desde o número 44 da Rúa Nova ata o comezo do barrio de Vite.

2. Espírito do bosque, de Carlos Santiago. Capítulo 1 na parada nº 058 do bus urbano, na Avenida Castelao. Capítulo 2, baixando pola rúa Alexandre Bóveda. Capítulo 3, descampado na rúa Ulpiano Villanueva, detrás da EOI.

3. Sinfonía de Vite en 4 movementos veciñais, de Paula Carballeira. Capítulo 1, onde estaba o bar AMBER, na Avenida Castealo nº 8. Capítulo 2, no pavillón municipal, rúa Xesús Carro nº 5. Capítulo 3, no CSC José Saramago, na rúa Carlos Maside nº 5. Capítulo 4, diante do antigo local da AAVV Polígono de Vite, nas praciñas de Belén.

4. A Ponderosa, de Manuel Cortés. Na zona de xogos infantís do Parque Pablo Iglesias.

5. O Monumento, de Esther Carrodeguas. Debaixo do acueduto de Ponte Mantible.

Podes escoitalos xa aquí