Audiovisual

Eroski Paraíso, o filme

Data de estrea: 23-05-2019

Película coproducida por Chévere e Ollovivo coa colaboración de Vegalsa, Deleite e TVG

Non hai datas programadas


Ver anteriores datas
http://redenasa.tv/gl/post/644feac604c0/

Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro, creada por Chévere en 2016. Despois de xirar con ela ao longo de tres anos, superando as 125 funcións e os 32.000 espectadores, decidimos convertela nunha longamentraxe. Isto foi posible grazas ao encontro, á complicidade e ao bo entendemento con Ollovivo, unha produtora audiovisual dirixida por Jorge Coira e Gaspar Broullón. O resultado é un traballo conxunto feito por un grupo de profesionais procedentes do audiovisual e do teatro. Ademais, decidimos explorar as posibilidades dun modelo de produción cinematográfica autoxestionado,  sen subvencións.

O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha pequena comunidade da costa. Parte das historias reais recollidas na zona de Muros sobre a sala de festas O´Paraíso, que funcionou entre 1972 e 1990 e que, anos máis tarde, converteuse nun supermercado da cadea Eroski. Un feito que. mudando os nomes, repítese en infinidade de lugares onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización, volvéronse espazos para o consumo. É tamén unha historia do desarraigo, a historia de alguén que non parou en sitio ningún para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se  transformaba ao seu arredor.

Eroski Paraíso conta a vida de xente normal que vive en lugares pequenos

Eva e Toño coñecéronse por casualidade no Paraíso en 1989. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a sala de festas. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración.

Podes ver a pelicula en Filmin, neste enlace