Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Alfoz

Data de estrea: 19-06-2021

Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración de Carlos González e Manuel Lourenzo e o apoio de Jorge Val e Arantxa Incera.

NOVO PASEO AUTOGUIADO!

A Mariña Lucense foi pioneira en activar audioguias ficcionadas como recurso turístico para visitar os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Agora dáse continuidade ao proxecto, ampliando o seu alcance a contextos diferentes dentro do seu territorio.

As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada destino, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

O castelo de Castro de Ouro está vencellado a algúns episodios determinantes na vida do Mariscal Pardo de Cela, controvertido personaxe rodeado de lendas e mitos populares que viviu no século XV. O interese pola súa figura e significado na historia de Galicia traspasou os límites da Mariña Lucense e numerosos autores ao longo dos últimos 200 anos dedicáronlle estudos, libros, novelas, óperas e obras de teatro. Conducidos polas voces do propio Mariscal e de Isabel de Castro, a súa compañeira e esposa, trasladámonos aos anos das guerras irmandiñas, das loitas pola sucesión ao trono de Castela e dos conflitos entre a nobreza galega, a igrexa e o poder real. A través deles coñeceremos o que se contou das súas vidas ao longo da historia, actuando como comentaristas das lendas asociadas ás súas figuras.

Esta audioguía ten dúas versións:

Unha interior (suxeita ao horario de apertura ao público). O percorrido transcorre principalmente polo interior da torre e remata na terraza superior, cunha altura de tres andares que hai que superar subindo por unha escaleira con descansos. Duración 23 minutos.

Unha exterior. Fóra do horario de apertura da torre ou como alternativa para as persoas que teñan dificultade para subir ao alto, pódese facer un percorrido polo exterior, rodeando a capela de San Salvador e os restos da muralla. Duración 22 minutos.

Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-castrodeouro-exterior

Toda a información das audioguías da Mariña Lucens: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas