Teatro

Ultranoite #115

Data de estrea: 27-12-2024

Unha produción Chévere con apoio da Sala Capitol e da Agadic-Xunta de Galicia.

decembro 2024
Venres 27 22:00 H
Sábado 28 22:00 H
xaneiro 2025
Venres 03 22:00 H
Sábado 04 22:00 H
Domingo 05 22:00 H

ENTRADAS Á VENDA EN SALACAPITOL.COM

A partir de decembro do 2024 a Ultranoite volve de maneira regular a Compostela, sempre na Sala Capitol, que se convertirá na nova plataforma de amarre do espectáculo máis veterano da escena galega, grazas ao acordo de colaboración entre o novo equipo da Capitol e o grupo Chévere. A idea é facer dúas Ultranoites cada ano, unha na tempada de inverno e outra nos arredores do verán.

A Ultranoite que se fará durante este Nadal contará con números totalmente novos, para ofrecer un contrarrelato retranqueiro da actualidade.

As catro funcións que se ofrecerán na Sala Capitol terán os mesmos contidos, aínda que nunca se pode asegurar que todas sexan iguais, porque se trata dunha Ultranoite e a improvisación sempre está presente.

En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Diego Anido, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire. E contaremos con algunha colaboración especial, que se desvelará ao seu tempo.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.

A Ultranoite fíxose na Sala Nasa de maneira regular entre os anos 1993 e 2011. No 2012 Chévere trasladouse ao concello de Teo e co grupo viaxou a Ultranoite, que se mostrou con estabilidade no Auditorio Constante Liste da Ramallosa ata o ano 2019. Nos anos 2022 e 2023 a Ultranoite fíxose no auditorio do Liceo de Noia. En total, ao longo de 32 anos fixéronse 114 Ultranoites distintas, superando as 250 funcións.