Ultranoite Cultureta
- En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Mónica García, Arantza Villar, Diego Anido, Borja Fernández, Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián, Carlos Freire
Unha produción Chévere con apoio do Culturgal e Agadic-Xunta de Galicia.
Non hai datas programadas
Ver anteriores datas
Nunha das primeiras edicións do Culturgal, alá polo 2008, celebramos o rito escénico de casamento da cultura e a industria, unha unión que se intuía fráxil e sometida a constantes disputas e desencontros. Agora, dezaseis anos despois, volvemos ao Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis ca un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposible? A Ultranoite desembarca no Culturgal para se achegar ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns. Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Cal é a influencia real dos mortos na cultura galega? Quen é quen na santa compaña da cultura galega? Somos definitivamente tradición ou seguimos sendo modernidade? Que queda de irmandade na fala? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto a tipoloxía das Casas da Cultura? Ou é un salto ao baleiro? Hai vida máis alá da subvención?
En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Diego Anido, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire.
A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.
A Ultranoite fíxose na Sala Nasa de maneira regular entre os anos 1993 e 2011. No 2012 Chévere trasladouse ao concello de Teo e co grupo viaxou a Ultranoite, que se mostrou con estabilidade no Auditorio Constante Liste da Ramallosa ata o ano 2019. Nos anos 2022 e 2023 a Ultranoite fíxose no auditorio do Liceo de Noia. No 2024 a Ultranoite volve a Compostela acollida en residencia pola Sala Capitol. En total, ao longo de 32 anos fixéronse 114 Ultranoites distintas, superando as 250 funcións.