Teatro

ULTRANOITE #116

Data de estrea: 18-09-2025

Unha produción Chévere con apoio da Agadic-Xunta de Galicia e a colaboración da Sala Capitol

setembro 2025
Xoves 18 22:00 H
Venres 19 22:00 H
Sábado 20 22:00 H
Domingo 21 20:30 H

Únicas datas no 2025!

A Ultranoite volve á Sala Capitol en setembro, coincidindo co cambio de estación, o mellor xeito de despedir o verán e recibir o outono (se é que iso que chamabamos outono segue existindo). Pensarás que faltan moitos meses, pero lembra que o tempo pasa demasiado rápido e estas serán as únicas datas para o ano 2025. Ademais, desta vez serán catro funcións seguidas, de xoves a domingo.

En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Antón Coucheiro, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire. E contaremos con algunha colaboración especial, que se desvelará ao seu tempo.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.