Projects

Teatro

ICTUS (anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao)

Foto do equipo coas mesmas posicións, xestos e actitudes do cadro de Rembrandt titulado A lección de anatomía do Dr. Tulp
  • Audiodescrición Audiodescrición
  • LSE (Lingua de signos española) LSE (Lingua de signos española)
Data de estrea: 20-02-2026

Unha co-produción de Chévere e o Centro Dramático Nacional, con apoio da Agadic-Xunta de Galicia. Colaboran Concello de Ames, Auditorio de Galicia. ACCESIBILIDADE: esta obra integra en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.

Video promocional de menos de dous minutos co resumo en imaxes da obra

Iria Sobrado: Chévere vólveo facer para ir un paso máis alá na forma e no fondo
ZigZag TVG, 23 febrero 2026
Ictus é un exercicio prodixioso e maxistral de memoria democrática e de dignidade.
Chévere planea o espectáculo como un teatro testemuñal, cunha sucesión de tesemuñas reais e de ficción que pasan polo escenario. É incrible como poden contar tantas cousas a partir dun escenario baleiro, uns cabaletes, uns tableiros e un caixón que garda una reproducion do cadro de Castelao. Ao principio sorpréndete oír a audiodescrición e de repente iso xa forma parte do espectáculo duna maneira grandiosa porque saben navegar por aí de forma fantástica.
Ese toque de humor que teñen os Chévere é fascinante porque demostra que o humor non sempre é comedia e iso téñeno moi dominado.

Cristina  Corral. O poder da memoria

Diario Marín, 2 marzo 2026
ICTUS constrúe unha metáfora poderosa: do mesmo xeito que o dano cerebral pode roubar palabras e fragmentar a identidade, tamén as comunidades poden sufrir procesos de esquecemento inducido que alteren a súa conciencia histórica.
Cuando se deteriora a capacidade de nomear prodúcese un baleiro que pode ser ocupado por un relato alleo. Nese sentido, a estrutura radiofónica, as acotacións orais permanentes e a presenza constante da narración funcionan como unha exploración da memoria en tempo real: o que non se di desaparece; o que desaparece corre o risco de ser substituído por algo que non foi.

Marga do Val. A memoria, alimento saudábel

Nós Diario, 6 marzo 2026
O último espectáculo de Chévere, un proxecto en co-produción co Centro Dramático Nacional, é unha medicina sanadora, que reconforta, que nos fai gozar do teatro, que é un nutriente para a memoria colectiva. ICTUS (Anatomía de "A derradeira lección" de Castelao) é teatro en maiúscula, un documental que nos sitúa como pobl diante do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre e da nosa memoria.

https://go.ivoox.com/sq/3114721
En xira por Galicia! Consulta as datas!

ICTUS é o novo proxecto de Chévere en co-produción co Centro Dramático Nacional. Quizais o maior desafío escénico que teñamos asumido ata agora pola complexidade para abordar o tema desde o teatro documental e usando unha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas.

ACCESIBILIDADE
En todas as funcións que se fagan, esta obra integra en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.

DURACIÓN
112 minutos

ICTUS é unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando está case cego. A obra propón unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada.

Argallamos un dispositivo documental no que se cruzan as voces de numerosas testemuñas, para dialogar coa historia persoal dunha muller que sofre alteracións da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante ese acto de recepción do cadro de Castelao.

O resultado é unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen -e como se disputan- as narrativas da memoria.

TRABALLO EN PROCESO E MEDIACIÓN

O proceso de investigación e documentación previo deste proxecto desenvolveuse durante algo máis dun ano desde o mes de xullo de 2024 ata o mes de outubro de 2025. Durante este tempo lemos moito e de todo, consultamos numerosa documentación histórica sobre o golpe de estado do 36 e o exilio republicano en Arxentina, investigamos sobre a memoria, as alteracións da memoria e o concepto do testemuño. Ademais, documentamos todo o relacionado coa chegada do cadro de Castelao a Galicia e investigamos sobre a orixe e historia do cadro; entrevistamos a persoal investigador do grupo HIstagra da USC, especializado no estudo do golpe militar do 36 e a violencia desatada en Galicia; contactamos coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) para facer o seguemento algunhas exhumacións; visitamos o Museo de Pontevedra para coñecer de primeira man a súa colección de obras de Castelao; traballamos con educadoras, terapeutas e neurosicólogas da Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e entrevistamos a seis persoas con DCA. E tamén tivemos encontros con persoal médico que traballa nas áreas de radioloxía e neuroloxía e contamos co asesoramento de profesionais da xustiza para analizar os xuízos sumarísimos como instrumento para lexitimar o uso da violencia. 

Para traballar a performatividade da investigación sobre o valor simbólico que se lle atribúe ao cadro de Castelao fixemos unha reprodución do cadro a tamaño real para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Isto servíu para abrir e transparentar o proceso de creación da nosa obra de teatro, ao mesmo tempo que se amplía a conversa arredor do cadro e da memoria conflitiva que representa. Polo de agora viron a nosa reprodución do cadro arredor de 4.000 persoas e responderon o cuestionario case seiscentas persoas entre 11 e 77 anos. Esta foi a ruta do cadro:

  • 29 novembro/1 decembro 2024: Culturgal, Pontevedra.
  • 26 decembro 2024/5 xaneiro 2025: Sala Capitol, Santiago de Compostela
  • 28 marzo/11 abril 2025: Facultade de Xeografía e Historia USC
  • 22-30 abril 2025: Casa da Cultura Milladoiro (Ames)
  • 30 abril/11 maio 2025: Casa da Cultura Bertamiráns (Ames)
  • 12-16 maio 2025: CIFP Compostela, Lamas de Abade
  • 19-23 maio 2025: Biblioteca Concepción Arenal (Conchi) USC
  • 2 xuño 2025: Museo das Peregrinacións, Galicia Escena PRO, Santiago de Compostela
  • 17-27 xullo 2025: Praza de abastos, MIT Ribadavia
  • 1-15 outubro 2025: Pazo da Cultura, FIOT Carballo
  • 16-27 outubro 2025: IES Santa Irene (Vigo)
  • 22 novembro 2025: Xornadas de Historia para profesorado, Teatro Principal Pontevedra.

Nalgúns destes lugares fixéronse encontros dialogados co público:

  • Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da USC, 9 abril 2025
  • Casa da Cultura Bertamiráns, Ames,  6 maio 2025
  • CIFP Compostela, Lamas de Abade, 15 maio 2025
  • Praza de Abastos, MIT Ribadavia, 21 xullo 2025
  • Pazo da Cultura, FIOT Carballo, 15 outubro 2025
  • IES Santa Irene, Vigo, 27 outubro 2025
  • Xornadas de Historia para profesorado, Pontevedra, 22 novembro 2025
  • Actos Castelao 2026, Rianxo, 24 xaneiro 2026

E ademais fixemos un obradoiro-cásting para persoas xordas accesible en LSE o 11 outubro 2025 en Santiago de Compostela, con asistencia de 9 persoas.

AGRADECEMENTOS

Aldara Cidrás, Patricia Fernández, Ánxeles Cuña, Fou, Miguel Anxo Seixas, Clotilde Vaello, Oli Xiráldez, Antonio Míguez, Lourenzo Fernández Prieto,  Gustavo Hervella,Carla Miranda, Inés Mosquera, Carmen García Rodeja, Narciso de Gabriel, Xurxo Ayán, Anna Minyarro, Julia Nieto, Corina Alfonso, Paula Toimil, Xoán Escudero, Miguel Cajigal, Jorge López,  Juan Arca, Agar Ledo, Ángeles Tilve, Julia, José Manuel, Álvaro, Pilar, Nieves, Pedro, terapeutas e usuarias de Dano Cerebral Galicia, Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ARMH, Histagra, USC, AC Alexandre Bóveda, Ruth Lovera Herrera.